Características e tipos de filtros¶
Características dunha columna¶
Todos os filtros teñen unhas características que definen a configuración que indica o comportamento dunha determinada columna do informe:
- Ver: se a columna está visible ou non.
- Grupo fila / Desagregar: se a columna se emprega para agrupar os datos.
- Ordear os datos: orde ascendente ou descendente aplicada aos datos.
- Subtotais: se se amosan os subtotais ou non.
- Filtros rápidos: se a columna se emprega como filtro de páxina ou non.
- Ordear: orde na que aparece a columna no informe.
- Nome da columna: nome (editable) que se amosa para esa columna.

Tipos de filtros¶
Os filtros clasifícanse, en primeiro lugar, en filtros de usuario e filtros de administrador. Ambos constitúen os Filtros de Informe.
- Filtros de administrador: creados pola persoa administradora do informe. Pódeos aplicar calquera usuario, pero non se poden modificar nin eliminar. Un informe pode ter varios (ou ningún) destes filtros.
- Filtros de usuario: calquera persoa con acceso ao informe pode crear os seus propios filtros. Só a persoa que os crea os pode aplicar, modificar e eliminar.
Os Filtros de Informe poden ser de catro tipos:
- Filtros de columna: filtro aplicable só a unha única columna do informe. Por exemplo, "Curso Académico = 2025/2026". Accédese a eles a través dunha icona con forma de funil.
- Filtros completos (vistas): conxunto de filtros de columna e das características aplicables ás columnas do informe, gardado baixo un único nome. Por exemplo, un filtro completo chamado "Datos actuais da facultade de informática" que conteña os filtros de columna "Curso = 2025/2026" e "Cod.Centro=614". Só se pode ter seleccionado un filtro completo á vez.
- Filtros de valores: conxunto de filtros de columna gardado baixo un único nome, pero que, ao contrario dos filtros completos, só modifica os datos que se visualizan (non modifica as características do informe). Por exemplo, un filtro de valores chamado "Datos Ciencias" que conteña o filtro de columna "Rama=Ciencias". Son acumulativos: pódense ter varios seleccionados á vez. Se dous coinciden no campo a filtrar, prevalece o último aplicado.
- Filtros de páxina (filtros rápidos): filtros rápidos que permiten filtrar os datos por unha columna concreta mediante unha lista despregable cos posibles valores (por exemplo, "Cód. Curso" con 2010/2011, 2011/2012...). Son acumulativos, pódense aplicar varios á vez.
Os filtros completos (vistas), os filtros de valores e os filtros de páxina atópanse na parte superior esquerda do informe. Ao último tipo, os filtros de columna, accédese a través dunha icona con forma de funil ().
