Ir ao contido

Baixas e cambios de centro

Baixas

A persoa investigadora ou o centro deben solicitar a baixa de acordo coa normativa de adscrición e desadscrición do centro. En canto se produza, o centro comunícaa pola mesma vía que a alta:

Comunícaa tan pronto como se produza

Mentres a baixa non se comunique, a persoa segue figurando no centro e non se pode adscribir a outro.

Cambio de centro de investigación

Unha persoa só pode estar adscrita a un centro de investigación á vez. Cando pasa dun centro a outro:

  1. A persoa ou o centro de orixe solicitan a baixa segundo a normativa dese centro, e o centro de orixe comunícaa coa súa data.
  2. O centro de destino fai a consulta previa antes de aceptar a adscrición.
  3. Unha vez confirmada a baixa no centro de orixe, o centro de destino envía a alta pola vía que corresponda.
  4. O catálogo non rexistra a alta no centro de destino ata ter a baixa do centro de orixe co seu soporte documental. A data de alta no novo centro ten que ser posterior á data de baixa no anterior. O desexable é que as datas sexan consecutivas, coa alta no novo centro o día seguinte á baixa no anterior, para que non queden baleiros na adscrición da persoa a un centro CIGUS e os centros non perdan indicadores.

Copia a REDCIDi

Nos cambios de centro do persoal do catálogo, tanto a baixa do centro de orixe como a alta do centro de destino envíanse a catalogo@udc.gal con copia a REDCIDi, agrupa.redcidi@udc.gal, que fai o seguimento dos movementos entre centros. Quen os rexistra segue sendo o catálogo.

Institutos

Os institutos universitarios non contan para esta regra: unha persoa pode estar nun centro de investigación e nun ou varios institutos á vez. As altas e baixas nos institutos do persoal do catálogo comunícanse igualmente a catalogo@udc.gal (paso 2).


← Paso 3: Persoal do censo · Volver ao índice